Psicomotricidade en acción dende o Centro de Cerceda
No CAPM de Cerceda, o pasado 19 de maio antes do xantar e, despois de moito tempo sen facer actividades todos xuntos (centro de día e residencia) e xa que facía moi bo tempo, ocorréusenos aproveitar o precioso xardín que rodea o centro no que podemos gozar do aire libre e ter máis espazo para movernos e realizar actividades en grupo.
Desta maneira, organizamos unha especie de circuíto con actividades de motricidade fina e grosa, coordinación, equilibrio, etc. Nel, os usuarios tiñan que ir andando por unha pasarela que hai no xardín e en cada poste, tiñan que tirar pelotas para metelas por uns aros colocados a diferentes alturas. Ó rematar, ían en grupos de catro para unha zona con area onde tiñan que tirar tres pelotas (cada un dunha cor diferente) e metelas nun aro situado a unha distancia considerable. Así, o primeiro en meter as tres pelotas levaba a medalla de ouro, o seguinte a de prata, o terceiro a de bronce e o outro quedaba de cuarto. E, por último, na zona que temos de terraza con bancos, tiñan que sentarse formando dúas filas e, facer parellas co que tiñan enfronte. Así, agarraban as picas cada un polo seu lado e tiñan que ir pasando ás outras parellas un globo sen que caese ó chan. Mentres tanto, escoitaban música animada de fondo.
A actividade tivo moi boa acollida por parte dos usuarios, xa que lles encanta estar fóra cando fai tanta calor. Ademais, este tipo de exercicios son moi dinámicos e divertidos e pasámolo moi ben todos xuntos, facendo algo diferente do que facemos acotío. Tamén observamos que moitos usuarios que non soen participar nas actividades do centro se animaron a facelo, por enriba de todo co xogo parecido á petanca, co que gozaron coma nenos/as.
Abaixo deixámosvos as fotos dos exercicios para que as vexades…
3