As persoas usuarias do centro de Cospeito van de excursión á cidade de Lugo

O pasado 18 de setembro, as persoas usuarias do centro de día de Cospeito realizamos unha saída a Lugo. Nesta excursión visitamos a catedral de Lugo, na cal desfrutamos dunha visita guiada na que nos explicaron as partes da catedral, os nomes de todas as imaxes e figuras e resolveron todas as dúbidas que nos xurdiron. Mesmo puidemos acudir á misa e comulgar!

Seguidamente, fomos ver o Vello Cárcere, no cal nos atopamos moi sorprendidos coas instalacións. Ademais de ser un edificio magnífico, déronnos moitas explicacións sobre os presos que alí houbo (mesmo hai unha estancia cos nomes de todas as persoas que estiveron alí presas), cal era a súa procedencia… ata representacións con manequíns de como era a vida no cárcere. Quedamos realmente encantados!

Para rematar, fomos ao CC. As Termas, onde nos habilitaron unha estancia para comer e, unha vez rematamos, demos un paseo polas instalacións e mesmo nos animamos a facer algunha compra.

Foi un día moi completo, e estamos desexando repetir!

4
Se che gustou podes compartirlo en:

Os comentarios están pechados.