Cando nos falan de historia, a mente lévanos a pensar en tempos xa pasados, remotos e dos que a única fonte de información da que dispoñemos son os libros.
Sen embargo, as vivencias das persoas, e sobre todo das persoas maiores, son unha fonte de información histórica que todos temos ao noso alcance, para coñecer de cerca a historia común e as vivencias que supuxeron cada unha das épocas para eles, dándonos un enfoque que non atoparemos en ningún texto escrito.
Con esta idea, desenvolvemos unha colaboración entre o centro de día de Cospeito e o alumnado de Historia do Mundo Contemporáneo de 1º de BAC do instituto de Castro Riberas de Lea (IES da Terra Chá José Trapero Pardo), quen, xunto coa súa profesora Alexandra Cabana Outeiro, pasaron unha mañá enriquecéndose da información que lles achegaron as persoas usuarias do centro, que se amosaron entusiasmadas de poder transmitir as súas vivencias e escoitar as reflexións e opinións dos máis novos.
Co punto de partida nunha presentación de cada un/unha de nós, xa se empezaron a abrir as conversas, identificando familiares, persoas coñecidas e sitios de orixe comúns das persoas maiores e da rapazada, dos concellos de Cospeito e Castro de Rei fundamentalmente.
O alumnado traía unhas preguntas para saber como era a vida dos maiores cando tiñan a súa idade, co obxectivo de vermos a diferenza ó longo do tempo, mais a conversa foi fluída e libre a partir das preguntas, e, ademais de coñecer como se moceaba antes, canta roupa se tiña, ou como era a escola, as comidas, os traballos e os días, puideron aprender algunha cantiga, receitas de menciñas tradicionais ou da calleira para facer queixo, do uso de plantas e moitas, moitas palabras. Porque, ademais de seren fontes vivas da nosa historia, os nosos maiores, que nos contaron que sempre falaron en galego, son tamén un tesouro lingüístico, e iso tamén é historia, da lingua e do país.
A experiencia foi moi positiva e certamente habemos de repetila, se cadra para aprender a facer calcetíns con catro agullas, identificar algunha planta… mentres aprendemos expresións coma “ir tomar as augas”, “pedirlle [a unha moza] a palabra” ao nos falaren das súas vidas e da historia, como a da venda do caruncho (un fungo que parasita o centeo e ten valor farmacéutico), algo do que nada sabiamos antes de estarmos xuntos e que foi de grande importancia en Galicia.
Aprender a escoitar é clave, e xuntarse entre xeracións ten efectos positivos nos máis maiores e tamén nos máis novos, que coas comparanzas deberían apreciar máis todo o que hoxe temos e de onde vimos.
4