Para a realización do V Aniversario do CAPM A Pobra o pasado 21 de setembro, escolleuse como temática principal o cine. Por este motivo, se levaron a cabo varias actividades ao longo de toda a semana relacionadas coa temática escollida. Unha das actividades propostas foi a invitación dun grupo de persoas que se dedica a amenizar e facer teatro con música, o cal tivo gran acollida por parte das persoas usuarias do centro, xa que levaban un ano sen poder recibir grupos alleos ó centro e botaban de menos ditas actividades extraordinarias. Despois de tal celebración, as persoas usuarias crearon o seguinte relato, que esperamos vos guste!
“Cando un día se converte en romería”
“No centro de día A Pobra tanto ás persoas usuarias como ás traballadoras gústanos ser partícipes da vida na comunidade, ofrecendo diversas propostas de ocio. Moitas veces estamos tan pendentes de todo que nos esquecemos daquelas cousas que máis nos gustan, bailar, rir e compartir isto coa xente que queremos e nos acompaña día a día. Erguémonos todos os días con mil cousas na cabeza, hai que facer isto, teño que estar pendente de aquilo, que se os osos, que se unha cousa ou outra, pero esquécesenos erguernos pensando voume regalar isto, vou facer aquilo por atoparme mellor, vou a permitirme rir e desfrutar con aquilo que me emociona… Non o facemos porque incluso agora seguimos a pensar en todo e en todos máis que en nos. Máis hoxe é un deses días especiais, un deses días nos que aínda que un non conta con rir ata fartar, baila, canta , ri e desfruta coma nunca, relata Francisca. Hoxe viñeron unhas rapazas e uns rapaces a facernos un chisco máis felices, con música teatro e baile. Como tocaba o saxofón o mozo ese! E que ben facían teatro xuntos! A min encántame ver o teatro e o baile xa non digamos, moitas veces penso que xa non estou para romerías que mellor estar tranquila, pero logo ven xente coma esta e doume de conta de que estou feita unha moza, ós meus anos quen me oiga!
A cuestión é que o pasei de luxo, ata a pandeireta me deixaron tocar; facía anos que non collía na man unha desas, volvín a sentirme coma de vinte e a desfrutar como tal, iso non se paga con nada, que cando unha persoa xa ten os seus anos xa non se acorda tanto de romerías, conta Vicenta. A vida é algo moi serio, pero cunha boa banda sonora toda esta película faise máis entretida e amena, polo menos no meu caso. Por iso en días coma o de hoxe recórdase un o importante que é esquecerse de todo e simplemente sorrir, dinos María”.
0