O centro de día de Rois ten entre os seus obxectivos achegar ás persoas maiores todas as tradicións, celebracións, festividades e conmemoracións da lingua e da cultura galega. A uns días da celebración do Día do Apóstolo Santiago, o 25 de xullo, as persoas usuarias do centro recordan con gran cariño que este ano recibiron unha Compostelana Solidaria da man de Toño Alves, un gran coñecedor do Camiño de Santiago e da súa historia.
Tras o confinamento por mor da Covid, Toño comezou unha iniciativa de andainas con Compostelanas Solidarias, que consiten en realizar o camiño en homenaxe a un grupo ou colectivo que sufrira a pandemia dunha maneira máis pronunciada (nenos e nenas con discapacidade; o persoal sanitario, etc…) polo que pensou que a súa terceira Compostelana adicaríase ás persoas maiores, colectivo que viveu esta época con especial crudeza debido a alta tasa de mortalidade, a soidade e o distanciamento dos seres queridos no último ano. Toño escolleu o centro de día de Rois para simbolizar esta homenaxe no mes de abril de 2.021.
Durante o percorrido do Camiño foise establecendo contacto con Toño Alves facendo un seguemento virtual das rutas coas persoas maiores do centro a través de vídeos e de directos en Instagram onde se contaba a experiencia en primeira persoa ata a chegada ao Obradoiro e o paso pola Porta Santa de Santiago de Compostela. Finalmente, Toño achegou a Compostelana Solidaria ao centro de día de Rois. As persoas maiores quedaron gratamente sorprendidas polo regalo e decidiron ubicala na recepción do centro para presumir da fazaña, e á súa vez obsequiárono con outro regalo elaborado artesanalmente por eles en sinal de agradecemento.
Foi un día moi bonito e emotivo para profesionais e maiores polo que lle estarán sempre agradecidos. Ata sempre, Toño!
2