Os significados da música

Trala gran acollida que tivo o vídeo publicado sobre Marta C. González, enferma de Alzhéimer e bailarina, queremos aproveitar para facernos eco e comentar as distintas experiencias que lles fan vivir, revivir e desfrutar a todas aquelas persoas maiores a través dunha ferramenta tan potente como é a música.

Pero… Que é a música? Se respondemos con datos puramente lingüísticos a definición máis salientable sería a seguinte: é o “arte de combinar os sons harmonicamente seguindo unhas determinadas regras”.

En cambio, se tratamos de responder a mesma pregunta en relación có son o resultado sería o seguinte: é a “sensación producida no órgano do oído polo movemento vibratorio dos corpos, transmitido por un medio elástico coma o aire”.

E poderíamos continuar definindo cada concepto e cada palabra relacionada coa música e coa composición desta, pero nesta publicación, precisamente, queremos aproveitar para facer fincapé na importancia do que esta combinación de música, sons, vibracións ou notas fainos sentir no noso corpo ou mesmo no noso recordo. Os significados das melodías, das letras, do ton da voz do intérprete ou aqueles aspectos máis subxectivos nosos. A mesma canción non é igual para ti, que para min ou para Marta C.

A música, segundo estudos científicos, proporciona un estado de benestar xeral, xa que é un potente estimulador cerebral, axuda a aprender, a manter a memoria, serve para entreter, emprégase para este fin tanto na infancia como na adultez e proporciona diferentes estados de ánimo como pracer, motivación, enerxía, confort ou nostalxia. Isto débese a que cando escoitamos unha melodía que nos resulta “harmoniosa” é capaz de producir en nós e liberar as chamadas “oxitocinas” e “endorfinas”, comunmente coñecidas como as hormonas da “felicidade” e do “amor”. Estas hormonas funcionan no noso corpo coma a droga máis potente que poidamos consumir e desfrutar, axudándonos contra o malestar, a ansiedade ou o estrés de maneira totalmente natural, sen efectos secundarios.

Neste caso, nas persoas con algún tipo de deterioro cognitivo, a música aprendida en tempos da infancia ou xuventude serve como potente estimulador, posto que é o último en esquecerse. Nacemos coa música, cos beats ou pulsos da vibración que producen os latidos do noso corazón e da nosa nai, e é o último que se vai en nós.

Algunhas anécdotas vividas no CAPM de Cabana relacionadas coa música podería ser cando escoitábase a Asun cantando O Vals das Bolboretas e intercambias unha mirada cómplice coa compañeira porque sabemos que lle poremos esta canción e que esta lle fai feliz; ou a Lola, que cantaba e bailaba cada día a pesar do seu problema de artrose nas pernas e a pesar do Alzhéimer non esquencía “Oh! Mami blue”; ou Emilia, que cada día volvía a sorrir coa música, a bailar e brincar coma se non houbera un mañá.

Podería seguir contando infinidade de situacións marabillosas con eles e elas cunha melodía de fondo e o exemplo mostrado neste vídeo da primeira bailarina do Ballet de Nova York en 1967, Marta, fala por si mesmo e cóntanos a súa historia de vida nunha soa imaxe.

Non podemos tampouco esquecernos de Hermann, xa destacado no Blog, que cos seus recitais convertéronse en virais e de moita sona no seu barrio! durante o período do confinamento.

Fontes:

2
Se che gustou podes compartirlo en:

Os comentarios están pechados.