Chega a época de Nadal, tempo de alegría, de recordos, de celebración, de ilusión e como non, de agasallos. Dende os Centros de Día de Sada e de Abadín propoñémosvos unha serie de ideas para axudar con este dor de cabeza que pode ser escoller o agasallo idóneo para cada un dos nosos achegados.
Quen non desfruta cando lle dan unha sorpresa? Nestas datas tan especiais, os maiores tamén deben ser protagonistas. O mellor regalo é, sen dúbida, o tempo. O tempo de calidade que pasamos con aqueles que estimamos. Non se trata de pasar moito tempo, senón que o rato que estamos co maior, neste caso, esteamos presentes e sexamos conscientes do que estamos a facer e vivir, trátase de buscar un tempo de calidade.
Cantas veces escoitamos iso de “nunca tes tempo para min”, “estás sempre ocupado”, “xa non me ves visitar”. Vivimos nunha sociedade onde o tempo é ouro, onde as presas e o estrés están á orde do día, pero intentemos frear e desfrutar do que nos rodea.
Seguro que todos lembramos ese abrazo de alguén especial que tanto nos gustou, ou esa caricia, ese aceno, ou ese sorriso. Sen dúbida, estes son os mellores agasallos, algo que nunca esqueceremos.
Pero tamén é certo que vivimos nunha sociedade consumista. So fai falta prender o televisor e ver a cantidade de anuncios que nos invitan a mercar.
Pois para aqueles que queiran agasallar con un detalle a un maior con demencia, imos ver que aspectos debemos de ter en conta á hora de mercar.
Cando temos que mercar un agasallo para unha persoa con demencia, soen abordarnos dúbidas como “que cousa é a máis axeitada para esta persoa?”, que teño que ter en conta á hora de escoller?. Pois a continuación plasmamos algunhas ideas de agasallos que poden axudarte.
O primeiro é coñecer en que etapa da enfermidade se atopa o teu familiar, coñecido ou amigo. Pensa “será quen de usar este agasallo?”.
Nas primeiras etapas da enfermidade, non precisas planear ningún agasallo distinto do que farías antes de coñecer que a persoa presenta algún tipo de dificultade, probablemente pensarías nunha bufanda, unha carteira, un bolso, colonia, un par de zapatillas. Pois calquera destas cousas está ben, o importante é que teñas presente os gustos da persoa.
Xa en etapas da enfermidade máis avanzadas, debemos ter presentes outros aspectos.
Por exemplo, as emocións, as sensacións, as vivencias e os recordos xogan un papel moi importante nestes momentos. Unha idea é pensar nun agasallo que de algún xeito evoque os recordos da persoa a través da alegría, dun olor, dunha canción, dun bonito recordo, dun sabor…. Neste caso o mellor é que escollas un agasallo que transporte á persoa a un bo recordo ou a un momento importante da súa vida. Recorda seguir tendo en conta os seus gustos e as súas preferencias. Aquí podemos estar falando de música, fotografías, algunha comida (como bombóns, galletas, ou o seu prato preferido, incluso prepararlle nós ese prato que sempre nos preparaba a nós).
Non debemos esquecer, que o ideal tamén é que o agasallo escollido axude a favorecer a memoria e os recordos da persoa. Lembra sempre ter moi en conta a fase e o momento da enfermidade onde se atope a persoa, do contrario, o regalo pode ser recibido con frustración ou enfado.
Algunhas ideas concretas que vos poden valer de guía para escoller un agasallo son as que presentamos no seguinte documento e as listadas a continuación:
Demencia en fase leve:
- Para os afeccionados á lectura: un libro do seu interese, con unha trama sinxela.
- Para os afeccionados á música: un aparato de música sinxelo e de fácil uso, onde lle podemos incluír as súas cancións favoritas, ou música da súa época de xuventude.
- Para os afeccionados ó cine: unha recompilación de películas do seu gusto.
- Unha cámara de fotografías.
- Un teléfono móbil sinxelo e adaptado ó maior (teclas grandes, funcións limitadas).
- Un reloxo (número grandes, que pite as horas).
- Material para escribir cartas, diarios, listas.
- Material para debuxar, facer trazos, realizar bricolaxe.
- Útiles de costura.
- Experiencias: unha saída cultural pola zona.
- Talleres: cociñar xuntos, facer algunha actividade de bricolaxe.
- Xogos de mesa.
- Libros de crucigramas, sudokus.
- Puzles.
- Obxectos personalizados con fotografías ou experiencias pasadas: tazas, chaveiros, coxíns, calendario.
Demencia en fase moderada:
Nesta fase debemos ter en conta que diminúe a capacidade de empregar aparatos novos e descoñecidos para a persoa, por iso non é recomendable insistir en actividades que a persoa realiza xa con dificultade. Evitaremos isto, pero temos outras opcións:
- Xogos de mesa: dominó, parchís.
- Mascota: se a persoa ten algunha mascota na casa, podemos optar por algo relacionado, como un colar ou un xoguete.
- Taboleiro coa data e a hora.
- Taboleiros ou carteis que identifican as estancias da casa (dormitorio, baño, cociña).
- Luces de noite que dan unha iluminación tenue á estancia.
- Dispensador automático de medicamentos.
Demencia en fase severa:
Nesta face da enfermidade, os obxectos deben reducirse a aqueles que se baseen na estimulación sensorial, é dicir, nos sentidos. Obxectos que axuden a tranquilizar á persoa e a fagan sentirse a gusto. Non hai que esquecer que, independentemente do que decidamos agasallar, o importante é a calidez e o cariño co que se faga a entrega.
- O seu perfume habitual.
- Música vinculada ás súas vivencias.
- Manta de tacto agradable.
- Roupa cómoda da súa cor favorita.
- Boneco suave.
- Dispositivo de localización que axude a rastrear ondea persoa está en todo momento.
E lembra que o mellor regalo é o tempo compartido, e o cariño que transmitimos.
3