Marta C. González, enferma de Alzheimer e bailarina…

A reacción de Marta C. González, enferma de Alzheimer e bailarina profesional durante moitos anos, cando escoita El lago de los cisnes de  Tchaikovsky, prodúceme unha emoción que percorre o meu corpo dun extremo ao outro, de súpeto, como se presentan sempre as emocións, sen previo aviso. Faime reflexionar sobre a intensidade das sensacións que Marta debeu experimentar ao escoitar a melodía, para que a súa reacción provocara en min esa emoción empática, froito do que ela estaba expresando mentres sentía e se trasladaba a un deses momentos vividos nos que bailou sobre un escenario e que aínda están aí presentes, dentro desa mente enferma pero que, malia a iso, segue estando aí, agochada nun recuncho, tímida e asustada, esperando o momento de poder manifestarse, esperando ese estímulo, ese son, esa imaxe, esa caricia, ese bico que a axude a atopar a saída e poder mostrarse, aínda que so sexa por un par de minutos.

Lembrémonos de cantas Martas C. temos preto e sexamos conscientes de que, para cada unha delas, nós podemos ser ese estímulo, ese son, esa imaxe, esa caricia, ese bico que as axude a continuar sendo elas, porque elas sempre están aí, malia que as veces non podamos velas.

Loli Neira. Psicóloga da equipa de traballo do blog O centro de día na casa

9
Se che gustou podes compartirlo en:

Os comentarios están pechados.