PAUTAS PARA ALTERACIÓNS CONDUCTUAIS
Dende o Centro de día de BOIRO, no ensinan unha serie de pautas a seguir no caso de que os maiores con alteracións conductuais presenten crises nestes días:
Sabemos o difícil da situación, sobre todo nas persoas que presentan maiores alteracións condutuais. Queremos transmitirvos que contades co noso apoio e recoñecemento.
O voso familiar, que debido á súa patoloxía, xa presentaba alteracións condutuais importantes, vese enormemente afectado polo cambio de rutina drástico debido ó confinamento e o non poder contar co servizo do centro de día. Este cambio pode carrexar que o voso familiar, presente maior desorientación, inquedanza, irritabilidade e mesmo agresividade, tal e como estades comprobando algúns de vós.
O afrontamento ante a situación que estamos a vivir é complicado para todos, pero sen dúbida, para vós é maior e cun impacto a tódolos niveis máis importante e delicado.
A desestabilización do voso familiar, e a necesidade de asumir os seus coidados, durante tanto tempo, e en ocasións sen contar con demasiada axuda, trae como consecuencia unha posible desestabilización vosa. Non vos culpabilicedes, xa que é normal sentir angustia, rabia, dor, medo… ante tal situación.
Como fomos indicándovos dende o momento do comezo do confinamento, é importanteer en conta diferentes aspectos:
- Seguide realizando as pautas proporcionadas dende o centro de día, para procurar manter á persoa maior realizando actividades distractoras que, na medida do posible, lle proporcionen momentos de tranquilidade. Seguide consultándonos as dúbidas que teñades para procurar novas alternativas.
- Tamén é importante manter o contacto telefónico estreito cos servizos sanitarios, para realizar un seguimento do seu estado e da idoneidade da medicación da persoa usuaria, consultándolle calquera dúbida ao respecto.
- É imprescindible, tomar momentos de respiro para vós como coidadores/as principais, escoitar as vosas emocións e aprender a sobrelevalas. Contade en cada caso, coa vosa rede de apoio (familiares, amizades) e co persoal do centro de día. De ser preciso, se detectades que precisades máis axuda externa para sobrelevar a situación ou tedes outras dificultades engadidas á situación de coidados do voso familiar, podedes consultar aos servizos de saúde mental (servizos de psicoloxía e/ou psiquiatría). Como coidadoras/es sodes o piar máis importante para o voso familiar, polo que é fundamental coidar e atender a vosa saúde.
Sabedes que contades co noso apoio e recoñecemento en todo momento.
Pautas básicas para facilitar o día a día:
A continuación, ofrecémosvos unhas pautas básicas e sinxelas, que podedes seguir na medida das vosas posibilidades, e que vos poden facilitar o día a día na casa.
Mantede unha rutina diaria, cuns horarios aproximados de comidas, actividade e descanso.
- Mantede uns hábitos alimentarios saudables, adaptados á dieta que cada persoa require segundo o seu estado de saúde.
- Garantide o descanso do voso familiar e voso mesmo, na medida do posible.
- Mantede unha actitude positiva. Facede do sentido do humor o voso mellor aliado.
- Mantédevos informados, pero non sobreinformados. É recomendable ver as noticias unha vez ao día e logo, buscar outras alternativas na televisión.
- Mantede as relacións sociais con familiares e amigos, con chamadas e vídeochamadas.
- Practicade exercicio físico na medida do posible. Camiñar pola casa pode ser beneficioso para vós e para o voso familiar, xa que contribúe a desestresar e diminuír a sensación de inquietude. Ademais, sentirse activo/a proporciona benestar físico e emocional.
- Utilizade os recursos ao voso alcance. Compras a distancia, persoas voluntarias dos diferentes concellos que vos poden facer recados, e o apoio telefónico do persoal do centro de día. Son pequenos detalles que poden aliviar.
- Recordade a importancia de coidarvos a vós mesmos/as, para poder proporcionar uns bos coidados. Pedide axuda no caso de que o precisedes. As persoas coidadoras que teñades máis membros da familia na casa establece quendas ou rotade, e favorecede os tempos de descanso dos demais.
Ideas prácticas para levar a cabo coa persoa maior que padece demencia
Propoñémosvos algunhas ideas prácticas para afrontar o coidado diario, procurando que sexa máis levadeiro na medida do posible:
- Falade nun ton de voz tranquilo e suave. Parece unha nimiedade, pero inflúe moito no estado de ánimo dos demais e no propio.
- Controlade os estímulos externos. Non poñades moito volume nos vosos dispositivos electrónicos, e controlade a luz nas horas de descanso.
- En casos de alteración condutual e non contar con xardín ou horta no domicilio, podedes realizar paseos terapéuticos coa persoa maior, levando o seu DNI e a resolución do grao de discapacidade, grao de dependencia ou xustificante médico no que se indique a súa patoloxía. Estes paseos deben ser curtos e no entorno do domicilio (para máis información podedes contactar coa Policía Local do voso Concello). Recordade manter nos paseos as medidas preventivas contra o
coronavirus. - A música pode funcionar. Escollede a que sexa do agrado do voso
familiar. Cantade e mesmo bailade. Tamén podemos recorrer á
música clásica e relaxante. - As masaxes terapéuticas. Unha masaxe suave pode ser moi
reconfortante, incluso cando o voso familiar non sexa capaz de
transmitírvolo con palabras. Poñédeo en práctica e observade os
beneficios. - Manipulación de obxectos non perigosos. Hai persoas que se calman manipulando un pano de tela, ou unha pelota de goma. Vixiade a súa reacción e, sobre todo, que a persoa non intente inxerir o que lle proporcionedes.
- Aproveitade os que teñades espazo exterior na casa, saíde a tomar o aire e o sol. No caso contrario, saíde á ventá, mirade un anaco, tomade o aire e respirade.
- Non culpabilicedes ao voso familiar polo seu comportamento. Recordade que a súa forma de comportarse é unha consecuencia do seu deterioro, non é algo que faga a propósito.
- Contade co equipo do Centro de Día para apoiarvos e proporcionarvos outras ideas ou intervencións específicas e adaptadas á vosa situación particular.