Obradoiro de repostería intercultural dende o centro de día de As Pontes

Como no centro de día de As Pontes somos ben larpeiros (con sentidiño), non se nos ocorreu mellor idea que conmemorar a diversidade cultural coa elaboración dunha riquísima receita típica da respostería tradicional dun país veciño, Marrocos. Contamos con moi boa mestra, a nosa compañeira Sofia, quen nos ensinou a elaborar nesta ocasión “Kwirat” ou como diríamos nós, boliñas de chocolate!.

Antes de poñer os mandís, pasamos polo supermercado para facela compra da nosa listaxe de ingredientes.

Compartimos con vós a receita por se forades tan larpeiros coma nós!

Ingredientes:

  • 200 gr de cacahuete.
  • 150 gr de galletas.
  • 250 gr de pasta de dátil (ou dátiles enteiros e trituramos).
  • 250 gr de chocolate.
  • 2 culleres de cacao.

(As galletas, o chocolate e o cacao poderase elixir sen azucre si se considera preferible)

Elaboración:

  • Moer os cacahuetes coas galletas e engadir dúas culleres de cacao.
  • Engadir a pasta de dátil á mestura anterior e amasar ata acadar consistencia uniforme.
  • Coa masa faremos bólas do tamaño dun bombón.
  • Bañamos as bólas no chocolate fundido e poñémolas sobre papel de forno nunha bandexa.
  • Refrixeramos durante unha hora…

E listas para desfrutar nestes días de verán… Bo proveito!

7
Se che gustou podes compartirlo en:

Os comentarios están pechados.