“Hortícolas en acción”: encontro no horto do CEIP Praia Xardín de Boiro

No centro de día de Boiro temos unha gran relación coa comunidade educativa de Boiro. Sigue en marcha o proxecto interxeracional “A horta” nas instalacións do IES Praia Barraña e outros moitos e agora animámonos a colaborar co alumnado do CEIP Praia Xardín, veciños e veciñas do noso centro de día. Decidiron crear tamén un horto no patio do colexio e contribuímos coa sabedoría das persoas maiores do centro e axudándolle na súa decoración.

O pasado venres 10 de maio de 2024 tivemos un encontro moi especial cos nosos veciños e veciñas do CEIP Praia Xardín. Fomos a coñecer o horto que puxeron en funcionamento ao longo do curso e para o cal solicitaban a nosa colaboración, en calidade de expertas no tema. Pola nosa banda, puxemos o noso primeiro gran de area pintando unhas macetas que o propio alumnado nos trouxo, para decorar o horto con motivos divertidos e que foran realizadas de forma colaborativa. Neste encontro interxeracional, puidemos ver os avances no horto e botarlles unha man na plantación, así como entregarlles as macetas que preparamos no centro.

Os nenos e nenas, moi agradecidos, tamén agasallaron ás persoas maiores do centro de día cunhas macetas que decoraron con moito agarimo e con cartas e saúdos feitos polo alumnado e que nos emocionaron moito.

O momento máis emotivo foi a entrega oficial da chave do horto ás persoas maiores do centro de día, para que poidan entrar cando desexen e colaborar neste bonito proxecto, incluso nas vacacións estivais para volver a atoparnos no próximo curso.

Grazas por todo!

12
Se che gustou podes compartirlo en:

Os comentarios están pechados.