Día internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Neste día tan importante, nos centros de día do Consorcio fixéronse multitude de actividades e actos. Aquí amosamos algúns.

  • Dende o centro de día de Cambados

A celebración das datas sinaladas é fundamental para diversas esferas dentro da vida das persoas maiores. Así mesmo, a colaboración con outros axentes sociais como é o colexio, aporta significado á vida das persoas usuarias. As actividades interxeracionais fomentan a solidariedade entre as diferentes xeracións, reducen a discriminación cara a vellez e fan que compartan os seus valores.

Para conmemorar o día Internacional da eliminación da violencia contra a muller decidimos realizar unha actividade conxunta cos rapaces do colexio San Tomé, onde creamos un mural reivindicativo co gallo deste día.

Os rapaces propuxeron marcar con rotulador a forma da man das persoas maiores. Posteriormente as persoas usuarias recortaron a silueta e colocárono no panel que tiñamos, onde os rapaces xa colocaran as súas figuras, pegamos tamén o logo do colexio e a foto do centro de día. O mural realizado está exposto no Paseo da Calzada do noso pobo.

Tras finalizar, aproveitamos para realizar un pequeno faladoiro onde tanto os rapaces como as persoas usuarias ofrecían os seus puntos de vista sobre este tema. A actividade tivo moi boa acollida.

A continuación ensinámosvos algunhas imaxes do proceso de elaboración, así como tamén o resultado final.

  • Dende o centro de día de Begonte

Visibilización do día internacional en contra da violencia de xénero. Levouse a cabo un debate en torno a esta problemática social e realizouse unha fotografía de persoas usuarias e traballadoras cos xestos e carteis amosando a repulsa a este tipo de violencia para a posterior visibilización nas redes sociais do concello de Begonte.

A valoración da actividade foi positiva o sentirse partícipes da comunidade aportando o seu gran de area en relación a amosar a súa repulsa a violencia de xénero.

  • Dende o centro de día de Cospeito

Polas épocas e os modos de crianza, as ideas que conforman a sociedade a través das diversas xeracións son moi diferentes. Sen embargo, isto non implica que non teñamos a capacidade de cambiar e aprender novas formas de pensamento.

Así, dende o centro de día de Cospeito sempre se traballa en prol da igualdade, e por suposto, remarcamos esta liña de traballo nestas datas.

Neste 2022, para conmemorar o 25 de novembro, traballamos coas persoas usuarias a orixe e o significado desta data, así como diversos talleres nos que remarcamos a importancia do bo trato en todos os ámbitos da nosa vida, e identificamos aqueles comportamentos que son nocivos.

Ademais, grazas á contribución de Martiño Maseda (poeta e fillo dunha persoa usuaria), o cal nos facilitou o seu poema “Sempre te quererei” para traballar sobre as relacións de abuso, elaboramos un vídeo no cal recitamos e representamos este poema para reivindicar o 25 de novembro.

Así mesmo, dende o Concello de Cospeito promoveron unha serie de actividades para conmemorar esta data, e desfrutamos enormemente participando nelas. Por unha banda, participamos no concurso de imaxes contra a violencia de xénero, co noso lema “A igualdade non ten idade” e, pese a que non gañamos, quedamos moi satisfeitos coa gran acollida que tivo.

Finalmente, un grupo de usuarias e persoal do centro participamos no curso de autodefensa para mulleres, no cal aprendemos diversas técnicas moi sinxelas para saír de situacións violentas que todas poderíamos desenvolver sen necesidade de ter uns coñecementos específicos en autodefensa. Así mesmo, nesta formación agasallóusenos cun pano coa imaxe de Rosalía de Castro, quedando todas as persoas participantes moi agradecidas.

20
Se che gustou podes compartirlo en:

Os comentarios están pechados.