Moitas veces se ten falado do elderspeak ou, como diriamos en Galicia, da forma de falarlle aos vellos. Vellos si, porque esa é a palabra máis utilizada para referirse ás persoas maiores. Quizais porque con B significa guapíños ou porque sempre aos vellos se lles tratou con respeto.
O problema ven cando se engade a ese término tons despectivos. Cando se emprega un ton máis alto e agudo do habitual, teatralizado e mentireiro. Cando se lles fala con diminutivos semellando a emisión paternalista para os nenos e nenas. Cando se lles quita identidade inventándolles nomes que para eles non significan nada, etc.
Igual que pasa con outras fórmulas lingüísticas que empregamos sen pensar (micromachismos, expresións racistas ou homófobas, etc) podemos chegar a facelo por rutina e sen cuestionar se está mal. E é certo que non é a fin do mundo, pero un día lemos ou vivimos algo que nos fai pensar e… Chás! Salta unha chispa interior que, xa nunca se apaga, e de repente, veste na obriga de repasar todo o que dis e escoitas porque che parece que con cada “burrada” desas, o mundo é peor.
Non se trata de non chamarlle as cousas polo seu nome abusando dos eufemismos, non, trátase de falar coa linguaxe do corazón, esa que pasa polo interior de un, máis alá dos filtros racionais, que moitas veces adornan pero empeoran o discurso.
A linguaxe do corazón está chea de verdade, de empatía e de xenerosidade. Non o sabe todo acerca dos formalismos. Prodúcese dunha forma natural ao mirar aos ollos á persoa que temos diante, veña de de onde veña e teña a idade que sexa. Adáptase a cada receptor dunha maneira natural.
Entón, como falarlle a cada persoa coa linguaxe do corazón? Non é maxia, so tes que poñerte no seu lugar, entendendo que cada persoa é única e diferenciada, cas súas aprendizaxes, recordos, vivencias e os seus propios medos. E senón sabes….preguntar.
Cantas veces tedes vivido esta situación?:
– Cómo prefires que te chamen?
– Pois polo nome, muller”- contesta a maioría
– Non che molesta que te chamen vello?
– Non se mo din de corazón. Eso de persoas maiores éche unha novidade, vellos de toda a vida. Eu aos da miña casa chámolles novos e non mo toman a mal”
Podería ser outra das escenas representadas pol@s artistas do centro de día de Begonte, que deixan de lado os estereotipos e empregan un humor con identidade propia. Demostran que teñen a suficiente intelixencia para comprender as ilustracións e a suficiente madurez para representalas sen vergoña por sentirse coma nenos. O xogo é esencial en en calquera etapa da vida, non vos esquezades.
É necesario adaptarse aos tempos (twitear ou tutear) non importa sempre que se respecten os dereitos de todas as persoas e se fale co corazón.
1
ENCANTOUME…FÍXOME SORRIR O CORAZÓN.
GRAZAS POR TECER ESE FÍO INVISIBLE ENTRE HUMOR E AGARIMO E AGASALLARNOS CON EL. GRANDES ARTISTAS!!!
Que bonito, que importante é o sentido do humor
Estupendas reflexions. Moi Bo traballo.