Guía para persoas coidadoras: O afrontamento do confinamento con persoas maiores (Centro de día de BOIRO)

O que a continuación se vos presenta, é unha pequena guía de recursos para afrontar a situación de illamento social e ambiental que se está a producir na actualidade.
O equipo terapéutico do centro de día de Boiro, pensamos que, ofrecervos unhas pautas sinxelas pode axudar a que o tempo na casa sexa máis levadeiro, e tamén a que vos sintades acompañados e acompañadas en todo momento por nós.
Tede en conta, que este cambio de rutinas tan drástico, para nós, pero sobre todo para as persoas maiores, pode carrexar problemas de estado de ánimo, motivación, desorientación, irritabilidade…
Sabemos o difícil da situación, sobre todo nas persoas que presentan maiores alteracións de conduta, pero queremos que saibades que contades co noso apoio e recoñecemento. Teredes momentos de tranquilidade, así como tamén outros máis caóticos. Permitídevos un respiro, non vos culpabilicedes por perder a paciencia en momentos dados, é comprensible. Estades facendo un gran esforzo e unha gran labor.
Facede do cariño polo voso familiar un motor para levar esta situación da mellor maneira posible.
Considerade a posibilidade de gravar en audio as historias que vos conten. Quizais dentro de algúns anos vos resulten entrañables e mesmo vos emocionen.

As persoas maiores teñen moito que contar,
e nós, temos moito que escoitar e aprender.

O confinamento trae consigo consecuencias a nivel psicolóxico e social, posto que se perden, aínda que sexa temporalmente e así o asumamos, parte das relacións sociais e co entorno, todo iso sumado á inquedanza e inseguridade dunha situación de incerteza para todos.


No caso das persoas maiores e usuarias do servizo do centro de día, eles tamén están a sufrir a morriña de non poder encontrarse cos seus compañeiros e compañeiras, e co persoal, que para eles forma parte dunha rutina semanal que lles axuda a ter unha autoestima elevada, unha vida social activa, mellora o estado de ánimo e infinidade de beneficios máis.
Algunhas delas, cun estado cognitivo afectado e polas patoloxías que presentan, este cambio de rutina poderalle traer como consecuencia maior inquietude e desorientación.
Por iso, a mellor das nosas opcións é a paciencia e o amor. Se sodes varios membros na familia, establecede quendas para que así as tarefas sexan repartidas, xa que TODOS/AS o podedes facer ben.
Por iso, desexamos que esta pequena guía vos sirva de apoio, e que contedes connosco sempre que así o precisedes.

Propostas para afrontar o confinamento:

  • Manter unha rutina diaria, cuns horarios aproximados de comidas, actividade e descanso.
  • Manter uns hábitos alimentarios saudables, adaptados á dieta que cada persoa require segundo o seu estado de saúde.
  • Garantir o descanso e unha boa hixiene persoal mellorará o noso estado de ánimo.
  • Practicade exercicio físico na medida do posible.
  • Manter unha actitude positiva. Facer do sentido do humor o noso mellor aliado.
  • Mantervos informados, pero non sobreinformados. É recomendable ver as noticias unha vez ao día e logo, buscar outras alternativas na televisión.
  • Aproveitar este tempo para fortalecer os lazos familiares e saír reforzados desta situación.
  • Recordade que as persoas maiores contan con moita experiencia vital, e teñen unha gran capacidade de aceptación e afrontamento das dificultades da vida. Valorade estas capacidades e aprendamos delas.

Actividades que podemos realizar coas persoas maiores na casa:

ACTIVIDADES FÍSICAS

A actividade física é fundamental para un bo estado de saúde. Podemos animar ás persoas maiores a que camiñen pola casa e acompañalos cando o fagan para que se sintan apoiados. Son exercicios moi sinxelos, pero moi beneficiosos:

  • Podemos facer exercicios sinxelos sentados nunha cadeira, facendo movementos alternativos coas pernas e cos brazos.
  • Xogar cun globo ou cunha pelota branda tamén nos vai facer movernos, e bailar un par de pezas musicais, tocar palmas ou movernos ao son da música aínda que sexa sentados, máis aínda.
  • O ideal é facer unha pequena sesión de movementos, comezando pola cabeza, continuando por ombreiros, brazos, pulsos e mans. Por exemplo, podemos mover a cabeza lentamente de diante a atrás unhas dez veces, e logo rotar os ombreiros cara a atrás outras dez, e cara a adiante outras dez. Mover os brazos cara a atrás e cara a
    adiante, rotar os pulsos e abrir e pechar as mans. Xa vedes que podedes facer estes exercicios en series de dez ou máis segundo o estado da persoa maior.
  • A continuación iríamos cos membros inferiores. Se a persoa pode, podedes facer exercicios de levantarse e sentarse da cadeira, levantar as pernas, dobrar os xeonllos e mover os nocellos.

ACTIVIDADES DE LECER, SÓS O U EN FAMILIA

  • Aproveitemos este tempo para desfrutar en familia. Unha boa sobremesa con partidas de cartas, dominó, parchís ou outros xogos de mesa que se nos ocorran pode ser moi entretido. Se é do agrado do voso familiar, tamén podedes ver unha boa película ou programa de interese.
  • Tamén podemos facer videochamadas con amizades e familiares, e participar todos os membros da familia nas mesmas.
  • Unha persoa soa pode tamén entreterse. Desempoade algún puzzle que teñades pola casa, ou algunha actividade manual que nos poida entreter. Mesmo enrolar un rolo de fío ou la ten o seu enredo, facer trenzas coa mesma, ou preparar algún adorno para a casa (aínda que o resultado non sexa o ideal).
  • Pódese incluso traballar con papiroflexia, tentar facer un sombreiro ou un barquiño cun papel ou outro tipo de actividades manuais (podedes preguntarnos e/ou recorrer tamén a recursos e titoriais que se atopan en internet).

TAREFAS DOMÉSTICAS ADECUADAS ÁS CAPACIDADES DE CADA PERSOA

Sempre que poidamos, imos a fomentar que tódolos membros da familia participen nas tarefas do fogar. Tarefas tales como tender ou dobrar pezas de roupa, emparellar calcetíns, axudar na cociña a pelar patacas, cenorias ou cebolas, e incluso preparar algunha comida sinxela. Varrer, limpar o po, limpar figuriñas con brochas ou pinceis. Sempre imos ter algo no que enredar.
Non te desesperes se o teu familiar o fai lento, o fai peor do que esperas, ou non fai o que lle indicas. Simplemente, refórzao e motívao para que continúe activo na medida das súas posibilidades.

ACTIVIDADES TIPO COGNITIVO

Sabemos que moitas veces a motivación non é a mesma na casa que no centro de día, pero hai algunhas actividades que van a contribuír a manter un estado mental activo e á distracción. É importante manter unha boa orientación temporal, polo cal aconsellamos recordar o día no que estamos, e ter sempre á vista un calendario.
A continuación ofrecémosvos posibilidades para realizar na casa dun modo sinxelo e familiar:

  • Sopas de letras, encrucillados, ou outros pasatempos. No centro soe gustar moito buscar nun texto con letra grande, por exemplo, tódalas letras A, e logo contalas por filas.
  • Tamén nos van servir contas de operacións matemáticas. Mesmo nos podemos axudar dunha baralla de cartas, de pinzas da roupa e outros obxectos para contar, pensando nas persoas con maior deterioro cognitivo.
  • Facer a lista da compra e observar nos folletos dos supermercados os prezos dos produtos. Incluso podemos animalos a recortar (con tesoiras seguras) eses produtos.
  • Podemos facer xogos de palabras orais, tales como o aforcado, ou palabras encadeadas.

Recordades este xogo?

Cada xogador/a ten que ser o máis hábil posible para completar, coa letra escollida ao azar, tódalas columnas no menor tempo posible. É un bo exercicio mental.

  • Letras de cancións, coplas, refráns, adiviñas, historias familiares, poemas, mantemento de hábitos sobre crenzas relixiosas.
  • Observar fotografías familiares, ou mesmo libros históricos e artigos en internet, vainos servir para traballar os recordos. Podemos pedirlle que nos falen da súa infancia, do seu casamento, de cousas que forman parte da súa historia de vida.
  • A música mellora a saúde emocional, ademais de activar a nosa mente.
  • Poñer música na radio, cantar as cancións e mesmo bailar unha peza.
  • Ou cantar a viva voz e escoitar as coplas que as persoas maiores nos poden ensinar.
  • Actividades con pinzas da roupa: contalas, colocalas e sacalas dunha base de cartón, separalas por cores… É unha maneira de estar entretido á vez que se traballa a mobilidade das mans.
  • Actividades con legumes e pastas: colocar nunha caixiña ou nunha cunca (fabas, lentellas, diferentes tipos de pastas) e separalas, segundo o seu tipo, colocando cada clase de alimento en cacharros diferentes.
  • Follas de periódico e revistas: dobralos en diferentes partes, recortar tiras, identificar ou recortar caras de personaxes coñecidas…
  • A moitos usuarios/as, resúltalle moi reconfortante e relaxante colorear debuxos.

Estes son algúns recursos que podedes empregar no fogar.
O equipo do Centro de Día de Boiro segue á vosa disposición para apoiarvos noutras cuestións do día a día ou para resolver dúbidas e facilitarvos novas propostas adaptadas á vosa situación persoal.
Estádelo facendo moi ben. Xa queda menos.
Moito ánimo e forza.

0
Se che gustou podes compartirlo en:

Os comentarios están pechados.