Festexamos o Nadal

As persoas usuarias e o persoal do centro de día de Cospeito sempre desfrutan dun bo festexo, e máis nunhas datas tan sinaladas como o nadal. Así, neste ano planificamos unha serie de actividades para despedir o ano 2022 por todo o alto.

En primeiro lugar, creamos unha serie de decoracións para o centro, posto que nos encanta o espírito do nadal e queremos que todo o centro transmita a alegría da época na que nos atopamos.

Ademais, como cada ano, colocamos no exterior do centro o noso camelo para recibir as cartas que nos achegan os máis pequenos cargadas de ilusión e esperanza, e seguidamente encargarnos nós de facerllas chegar ás súas maxestades de oriente. Neste ano recibimos a visita do alumnado de 1º e 2º de EP do colexio de Cospeito, os cales nos visitaron para compartir unha mañá de contos e risas tras deixar as súas cartas.

Así mesmo, decidimos manter no tempo unha iniciativa coa que comezamos o nadal pasado, e elaboramos agasallos para repartir entre os comercios da vila de Feira do Monte. Repartimos un total de 36 decoracións de nadal entre os negocios do pobo, onde nos recibiron en todos eles cos brazos abertos e se amosaron moi agradecidos. Na mesma liña, como cada ano dende que se inaugurou o noso centro, remitimos un agasallo aos centros de día e institucións da contorna para desexarlles unhas felices festas.

E por suposto, non poden faltar as actuacións musicais, que xunto co festival de nadal son as actividades preferidas das persoas usuarias. Neste ano contamos coa colaboración da UNED Senior, a Coral polifónica municipal Virxe do Monte de Cospeito, as pandereteiras de Muimenta e a banda Asubíos da Chaira para amenizar as nosas tardes e festexar por todo o alto. Así mesmo, no festival de nadal as persoas usuarias representaron unha obra de teatro para as súas familias e aqueles membros da comunidade que desexaron pasar a tarde canda nós votando unhas risas.

Con isto, damos por ben despedido o ano… agora falta festexar o novo ano e o día de Reis, que dende logo non nos quedaremos atrás!

2
Se che gustou podes compartirlo en:

Os comentarios están pechados.