No CAPM de Redondela realizamos unha actividade conxunta co grupo de música tradicional galega “Noitarega”. Este feito ten especial relevancia xa que Manuel (coñecido como Manolo) usuario do servizo residencial, formou parte del durante máis de 20 anos. Este tipo de actividades que conectan coa súa historia de vida e a vencellan a unha paixón que sinte pola música son especialmente significativas para Manuel. Para que poidades coñecer un pouco mais da súa traxectoria como grupo, comentarvos que se funda alá polo ano 1989 en Vigo, sendo Manuel un dos seus fundadores. Ao longo destes anos Noitarega tivo numerosos premios e innumerables actuacións tanto por toda a xeografía galega como española. Compartiu escenario con artistas da talla de Berrogüetto, Luar Na Lubre, ou Susana Seivane, e consolidouse como un dos maiores expoñentes da música tradicional galega e como un embaixador da cultura galega por todo o mundo. Tralos seus 21 anos de existencia, Noitarega viunos a ofrecer un repertorio do seu último disco «XXI», o cal conta con colaboracións de : Anxo Pintos (Berrogüetto), Xaime Estévez (Os Terribles de Donas) ou Luís «O Caruncho», entre outros. O concerto tivo unha excepcional acollida polo usuario xa que foi unha actividade moi emotiva para el e os integrantes do seu grupo, en especial para Jose Maria, antigo compañeiro que se emocionou o referir unhas bonitas verbas a Manuel. E por suposto tamén para o resto das persoas usuarias, que se amosaron moi interesadas por coñecer máis da historia do grupo musical e do seu compañeiro. Esperamos que desfrutedes tanto coma nós desta unión de música, sentimento e vinculación coa historia de vida. Para nós este encontro foi máxico! |