Navegando polo Miño
![](https://ocentrodedianacasa.igualdadebenestar.org/wp-content/uploads/2022/08/Captura-de-pantalla_2022-08-29_08-45-05.png)
Nas terras do Baixo Miño, a relación entre as persoas e as augas do Miño sempre foi moi estreita, e como non podía ser doutro xeito algunhas das persoas usuarias rememoran esta relación xa fose directa ou indirectamente con cariño e acordanza. No punto oposto atópanse aquelas persoas usuarias que nunca tiveron ningún tipo de contacto co mar e…. aínda máis, nunca montaran en barco, pero aínda así tiñan temor e ilusión a partes iguais por facelo, aínda que fose, unha vez na vida.
O centro de día de Tomiño púxose en contacto coa Asociación Vontade e co Clube deportivo “Sen Amarras”. Xuntos están a desenvolver unha iniciativa no marco do proxecto “Río Miño, Marca Inclusiva” co apoio da Deputación Provincial de Pontevedra.
![](https://ocentrodedianacasa.igualdadebenestar.org/wp-content/uploads/2022/08/WhatsApp-Image-2022-08-18-at-3.00.02-PM3-768x1024.jpeg)
A través deste proxecto, o xoves dezaoito de agosto sete persoas usuarias do centro de día de Tomiño xunto co persoal do centro emprenderon a viaxe cara o pantalán de Goián.
Alí estaban agardando por eles o persoal do Clube deportivo “Sen Amarras”. Foron os encargados de dirixir os dous barcos adaptados, nos que se facilitou a abordaxe de tres persoas en cadeira de rodas, a través do río Miño.
O percorrido foi dende o pantalán de Goián ata case a desembocadura do río Miño dende onde se contemplou a espectacular vista do Monte Tegra. Unha vez apreciada a vista, os capitáns deron volta ás embarcacións rumbo a praia da Lenta (Portugal), pasando por debaixo da Ponte Internacional da Amizade que une Tomiño e Vilanova de Cerveira. Foron arredor de dúas horas nas que navegaron polo leito do río Miño e nas que puideron desfrutar da natureza e dunhas vistas privilexiadas.
![](https://ocentrodedianacasa.igualdadebenestar.org/wp-content/uploads/2022/08/WhatsApp-Image-2022-08-19-at-12.46.55-PM-4.jpeg)
Desfrutaron do aire libre e do paseo en barco e aquí vos deixan unha mostra da experiencia vivida.
![](https://ocentrodedianacasa.igualdadebenestar.org/wp-content/uploads/2022/08/WhatsApp-Image-2022-08-18-at-3.00.00-PM2-1024x768.jpeg)