Que é un Terapeuta Ocupacional? un traballo de varios centros

Porqué se celebra o Día da Terapia Ocupacional?

Decídese celebrar o 27 de Outubro para visibilizar o traballo e desenvolvemento desta profesión, así como difundir as actividades que realiza. Nos centros de día, as persoas usuarias e as súas familias teñen máis ou menos claro o que é un enfermeiro/a, un educador/a social, un fisioterapeuta, un psicólogo/a, ou un traballador/a social. Non obstante, moi poucos escoitaron da existencia da Terapia Ocupacional.

En que consiste ou cales son as súas funcións?

Trátase de propoñer actividades con fins terapeúticos para facilitar a realización e benestar persoal. Como di a palabra intervén sobre o que o ocupa a un individuo que son o descanso, o tempo de autocoidado (ou actividades da vida diaria), o traballo- productividade e o xogo-ocio. O terapeuta ocupacional procura que exista un equilibrio nestas áreas, fundamentais para calquera persoa.

Quere dicir que intenta manter entretidas ás persoas?

Non, non se debe confundir entreterse sen máis con manterse ocupado nunha actividade cun propósito. O impulso de estar ocupado ten raíces evolutivas, psicolóxicas, sociais e simbólicas. Pero non ten sentido se non ten significado para a persoa. É fundamental o empoderamento de cada individuo, que se sinta protagonista na toma de decisións sobre o que quere facer ou no facer. E senón pode decidir é importantísimo coñecer a súa historia de vida para propoñer actividades valiosas para ela que fomenten a súa dignidade e identidade propia.

Porqué é importante a súa presenza nos centros de día?

Nas persoas maiores adoitan sucederse perdas físicas, cognitivas, sensoriais ou afectivas. A visión do Terapeuta nos centros de día é buscar un clima grupal onde o respeto, a escoita activa, o compromiso e o sentido de pertenza a un grupo sexa fundamental.

Mediante unha actividade grupal, o Terapeuta busca que se cree un espazo onde cada persoa poida expresarse con liberdade e sinta que ten unha vida valorada e considerada. Un lugar no que a idade ou as limitacións para a participación non importe para poder seguir realizando proxectos e ilusións.

Que aporta a diferencia de outros profesionais?

Os terapeutas ocupacionais son os especialistas na vida cotiá. É dicir, facilita a organización das actividades diarias para que poidan ser realizadas de maneira funcional e autónoma. Céntrase en rehabilitar as funcións e habilidades diminuídas e/ou adaptar as ocupacións, usando produtos de apoio se é necesario. Busca, xunto có resto do equipo, o punto de unión entre a ciencia, a creatividade e a empatía para mellorar o benestar da persoa.

De que xeito pode axudar ás persoas usuarias e ás familias?

O seu coñecemento sobre as estratexias para promover a autonomía persoal, axuda ás persoas usuarias e ao seu entorno familiar para poder desenvolver as súas actividades cotiás do xeito máis independente posible.

A través do asesoramento, pode indicarlle o que debe ter en conta á hora de escoller un bastón ou andador, as características que debe ter unha cadeira de rodas para a persoa en cuestión, cales son os materiais máis axeitados para a prevención de úlceras por presión, cales son os dispositivos que suplen os déficits visuais ou auditivos, que produtos se poden empregar para evitar forzar as articulacións no caso de artrose e artrite, que dispositivos de incontinencia son os máis adecuados para a persoa usuaria, que elementos favorecen as transferencias e mobilizacións, entre outras

1
Se che gustou podes compartirlo en:

Os comentarios están pechados.