Día nacional das linguas de signos dende o centro de Baiona

Aparte

Día nacional das linguas de signos dende o centro de Baiona

Os días 7 e 27 de xuño o Centro de Día de Baiona desfrutou dunha masterclass de lingua de signos con motivo do día nacional das linguas de signos españolas (14 de xuño). A actividade foi desenvolta por Miriam Aller, traballadora do servizo de interpretación e formación Entresignos do Concello de Nigrán, que a maiores de ensinarnos códigos básicos para poder comunicarnos cunha persoa con sordeira, trouxo tamén as mochilas vibratorias coas que conta o Concello para que as persoas con problemas auditivos poidan “sentir” os concertos musicais.

A través desta actividade traballamos a expresión, a configuración xesto – espacial e a percepción visual, rematando cunha estimulación sensorial a través do uso das mochilas vibratorias. Con todo isto, foi unha actividade que tamén nos permitiu coñecer os recursos cos que contamos na nosa contorna. Os maiores con problemas auditivos máis graves desfrutaron moito de volver “sentir” de novo a música.

2
Se che gustou podes compartirlo en:

San Xoán nos centros

Aparte

Noite meiga de San Xoán

O festexo de San Xoán é unha das celebracións máis típicas de Galicia, por iso a noite meiga non pasa desapercibida nos nosos centros. Aquí deixamos algún exemplos:

Centro de día de MUROS

Como cada ano, no centro de día, queremos espantar a todos aqueles males que nos poidan vir, porque xa temos de abondo, así que, a nosa bruxa fixo a queimada, co seu correspondente conxuro, mencionándoos a todos: sapos, bruxas e curuxas, demos, trasnos e diaños,… incluso os peidos dos infames cus… e ao remate, brindamos cun chopiño desa poción, ao berro de: MEIGAS FORA!!!

Centro de día de ABADÍN

O pasado xoves 23 de xuño, celebramos o San Xoán como cada ano. A noite de San Xoán ou Lume Novo é unha data moi significativa para todas as persoas usuarias. É unha das festas máis importantes. É de tradición acender cacharelas e facer xantares populares onde as sardiñas, os cachelos con pela e a broa de millo son as protagonistas. Moitos ritos de carácter máxico ou supersticioso asócianse a esta tradición e por iso nós espantamos os males recitando o conxuro, saltamos a fogueira, puxemos o ramo de herbas de San Xoán na porta do centro coa finalidade de protexernos das meigas. Tamén lavamos a cara con auga de rosas e desfrutramos cun menú e merenda especial. Ademais durante a mañá desfrutamos da exposición das alfombras florais realizadas durante esa semana e tivemos unha actuación musical a cargo dos nosos amigos de Cospeito na cal non paramos de bailar cancións tradicionais galegas. Pasámolo xenial!

Centro de día de BEGONTE

O San Xoán é unha celebración tradicional en Galicia que non podía faltar nos centros de maiores. Axuda a orientarse espazo temporalmente e a seguir ritos que as persoas usuarias tiveron durante toda a súa vida. Ademais, é unha actividade de lecer para elas. No centro de día de Begonte gozamos dunha actuación parte das traballadoras, dun baile con música en directo a cargo dos “Amigos da Música” de Guitiriz e dun simulacro da tradicional queimada con escenificación do conxuro da queimada.

Os participantes desfrutaron da celebración tanto o vernos actuar ás traballadoras como meigas como da música en directo (bailaron, cantaron, aplaudiron, aturuxaron…)

Centro de día de OIMBRA

Nesta celebración do San Xoán, no centro de día de Oímbra, fixemos unha fogueira e recitamos un conxuro para espantar os males, queimamos os malos desexos e purificados a cara coa agua do rocío. Saltamos o lume para pedir os bos desexos. Para rematar amenizamos con música, baile folclórico, risas e cantos. E agora os usuarios de gustarán o menú especial de San Xoán.

Centro de día de DODRO

En Dodro recollemos as herbas de San Xoán para lavar a cariña e espante todo o mal…

Centro de día de OUTES

Non podemos celebrar o San Xoán sen invocar as meigas e recitar o conxuro da queimada:

Mouchos, coruxas, sapos e bruxas;
demos, trasnos e diaños;
espíritos das neboadas veigas,
corvos, píntegas e meigas;
rabo ergueito de gato negro
e todos os feitizos das menciñeiras…

40
Se che gustou podes compartirlo en:

Día internacional da toma de conciencia do abuso e maltrato na vellez, 15 de xuño

Aparte

Día internacional da toma de conciencia do abuso e maltrato na vellez, 15 de xuño

O día 15 foi o día internacional da toma de conciencia en contra do abuso e maltrato que aínda a día de hoxe sofren os maiores. Por iso que os centros do Consorcio conmemoraron ese día con entusiasmos, forza e esperanza. Aquí unha pequena gran mostra dalgunhas das accións realizadas, agardamos que vos gusten.

Dende  ABADÍN

Con motivo do día internacional da concienciación do abuso e maltrato na vellez no centro de día de Abadín realizouse un obradoiro reivindicando o papel das persoas maiores na sociedade. O obxectivo do mesmo era sensibilizar e reflexionar sobre o trato e como se dirixe a sociedade en xeral ás persoas maiores. Aproveitamos que o día anterior visitáronnos as alumnas do IES Lois Peña Novo de Vilalba e explicámoslles a través dun relato todas estas reflexións xa que son profesionais que estarán en contacto con este colectivo e sobre todo pola importancia desta data, sabendo que esa persoa maior algún día seremos nós.

As frases e estereotipos que versan sobre a vellez e que se leron foron:

  • Nin pequeniña nin pequeniño, son Luisa”.
  • Hai cousas que non quero facer, non me presiones”.
  • Eu teño nome, non medio nome, son Visita, non Visi”.
  • A veciña do lado non necesita saber os callos que teño”.
  • Aínda que non fale, dame os bos días, boas tardes, ata logo”.
  • Vamos traballar a memoria, non sei que iso da estimulación cognitiva”.
  • Motívame, explícame, porque é bo para min, non mo impoñas”.
  • Si, son vello, pero non xordo, non fai falla que me berres”.
  • Tanto te explicaches que quedei como estaba, fálame con frases sinxelas e que comprenda”.
  • Xa sei que es moi estudada, pero eu toda a vida comín guisantes non chícharos, fálame no idioma que eu te entenda”.
  • Lévame tempo pero mentras poda facelo eu, deixame facelo amín soa”.
  • Seña ou non avóa, a túa non a son, se non sabes o meu nome pregúntame”.
  • Un centro de día non é unha gardería, é un lugar onde me axudan a recuperar o que perdín ou frear o que vou perdendo”.
  • O oído tamén fai que a miña mente siga en forma: a música, os sonidos, fan que recorde”.
  • E se a memoria xa me falla moito, as mans o mellor aínda recordan, pelar, coser…se ti me fas o xesto eu seguramente sepa continuar”.
  • Tamén temos tempo para nós, para ler, para descansar e para falar”.
  • Tamén nos gusta moito que nos visiten, hoxe estamos encantadas coa vosa visita”.

En resumo, aquí non vimos a pasar o tempo, vimos a que nos axuden a mellorar ou manter todo aquilo que conservamos en base os nosos intereses e sobre todo a que nos traten como persoas, pode que vellas si, pero con moito que facer e dicir.

Dende  OLEIROS

Dende  RIBADEO

Para conmemorar o Día Internacional da toma de Conciencia do abuso e o maltrato na vellez desde o Centro de día de Ribadeo e coa colaboración do Concello e doutro equipamento de persoas maiores do pobo de titularidade municipal Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro, puxemos en marcha a Campaña Verbas de Bo Trato que consistiu na realización dunha exposición con carteis, no que se recollían testemuñas das persoas usuarias dos equipamentos participantes como resposta á pregunta. Cando sintes ti que te tratan ben?.

O acto consistiu tamén na lectura dun manifesto sobre o Bo Trato porque a mellor prevención para o maltrato é o BO TRATO.

 

Dende COSPEITO

Este mércores 15 de xuño celebramos no centro de día de Cospeito, xunto ao alumnado de 2º de EP do CPI Virxe do Monte de Cospeito, o día contra o maltrato ao adulto maior.

Tras proxectar un vídeo en relación a esta temática, puxemos en común as nosas impresións e ideas sobre o adulto maior e a invisibilización que sofren, así como explicamos e eliminamos diversos mitos sobre a vellez, como por exemplo que ser maior implica estar enfermo, ou perdemos a capacidade de aprender cousas novas… nada máis lonxe da realidade! As persoas usuarias do centro de día de Cospeito demostran no seu día a día que ser maior non é ningún impedimento para poder seguir aprendendo e facer cousas marabillosas.

Para finalizar, fixemos unha chuvia de ideas para elaborar un decálogo de dereitos para o adulto maior, o cal escribiron os propios alumnos con moito entusiasmo e dedicación.

Unha vez escrito o decálogo, do cal se fixeron dous exemplares (un para o centro de día e outro para o colexio) o alumnado e as persoas usuarias deixaron plasmadas as súas mans nel, representando así a unión entre estes dous grupos xeracionais.

Dende ARTEIXO

Un día significativo como é o día internacional da toma de conciencia do abuso e maltrato na vellez decidimos saír pola contorna de Arteixo para acercarnos aos veciños e romper cos estereotipos cos que se relacionan aos maiores.

Durante o mes de maio e xuño estivemos preparando xabóns feitos por nós, con aromas e esencias diferentes, algúns con plantas, con diferentes cores… a fin de demostrar a utilidade que temos e canto podemos aportar aínda a sociedade!! Despois creamos etiquetas vermellas con diferentes estereotipos e a resposta que nós mesmos lle damos aos estereotipos – etiqueta verde:

Algúns exemplos son:

  • “Os maiores están sós” Resposta: “sós? Na residencia convivimos máis de 80 persoas, sempre hai con quen falar ou contar un conto.
  • Estereotipo: “Todas as persoas maiores son iguais” Resposta: “é o grupo social con maior variabilidade interindividual”
  • Estereotipo: “os maiores son coma nenos” Resposta: “temos unha gran experiencia de vida, nunca se nos poderá comparar con un grupo social que aínda acaba de nacer como quen di”.
  • Estereotipo: “As persoas maiores non poden aprender cousas novas” Resposta: “ utilizamos tablets e facemos videochamadas”
  • Estereotipo: “As persoas maiores non son capaces de adaptarse aos cambios” Resposta: “con 90 anos decidín ir a vivir a unha residencia e compartir habitación con outra persoa”

A verdade, e que foi unha moi boa experiencia xa que foi un día noso para romper as barreiras da estigmatización, e tivo unha gran acollida entre todas as persoas de Arteixo.

Ademais durante o día 15 e 16 de xuño, estivemos elaborando un cómic cos estereotipos para poñer no centro, onde todas as visitas que acudan o poidan ler, e así intentar cambiar as crenzas que se teñen sobre nós.

  Dende  MIÑO e CURTIS

Con motivo do Día Mundial de toma de conciencia do abuso e maltrato na vellez, dende os centros de día de Curtis e de Miño elaboraron entre as persoas usuarias e as profesionais un mural con viñetas de cómic para reivindicar e concienciar sobre a gravidade de abuso e maltrato ás persoas maiores.

Centro de día de Miño
Centro de día de Curtis


  Dende  TOMIÑO

O día 15 de xuño dende o Centro de Día de Tomiño levouse a cabo unha actividade de difusión e concienciación con motivo do Día Mundial da Toma de Conciencia do Abuso e Maltrato na vellez. En colaboración co Concello de Tomiño colocouse unha pancarta na balconada do mesmo.

Aproveitando a afluencia por ser día de mercado, dende o centro de día acudiron sete persoas usuarias acompañadas do persoal á praza do concello. Desta forma empregando a súa propia voz e uns folletos informativos creados para a ocasión, puideron dar a coñecer ós seus conveciños a importancia deste día.

Outra das paradas do día foi  o Mercado de Tomiño, concretamente o segundo andar, onde as persoas desfrutaron da exposición fotográfica “Non pesan os anos, pesan os mitos”, froito da colaboración de diferentes centros de día (Tomiño, Baiona, Coia, Porriño, Valadares). Esta exposición está dispoñible dende o día 13 ata o 17 de xuño  a para todas as persoas que a queiran desfrutar.

Tamén pode consultarse a nova ,na paxina web do concello de Tomiño:

https://tomino.gal/o-centro-de-dia-de-tomino-conmemora-o-dia-mundial-de-toma-de-conciencia-do-abuso-e-maltrato-na-vellez-cunha-mesa-informativa-e-unha-exposicion/


  Dende  FERROL CARANZA

O 15 de xuño celebrase O Día Mundial de Toma de Conciencia do Abuso e Maltrato na Vellez, unha data oficial da ONU co obxectivo de concienciar e denunciar o maltrato, abuso e sufrimentos aos cales son sometidos moitas persoas maiores en distintas partes do mundo. O tema deste 2022 é “Combater o abuso cara os nosos maiores”. Para combater os abusos a mellor fórmula e coñecer os dereitos. Por este motivo A Confederación Estatal de maiores Activos ( CONFEMAC) realizou unha charla no centro de día de Ferrol Caranza o 16 de xuño ás 11:15 horas dirixida ás persoas usuarias. Informáronnos sobre: a afouteza das persoas maiores nos
seus dereitos para que tomen conciencia e non perdan o control da súa vida e dos seus bens, facendo respectar os seus dereitos.
Na actividade formativa Dona Ma José Sánchez Morilla, monitora explicou que o apropiado é axudar as persoas maiores no que precisan pero que deben ser elas as que marquen as pautas das súas necesidades e a familia debe prestar o apoio que necesita. Isto require un cambio de
mentalidade urxente
As persoas usuarias mostraron interese na charla, ademais ao rematar o faladoiro iniciouse un pequeno debate e espazo para a reflexión.

  Dende  CULLEREDO

Con motivo do día 15 de xuño “Dia Mundial contra o Abuso e Maltrato na Vellez”, no Centro de Día de Culleredo quixemos mostrar a importancia da vida das nosas persoas usuarias, a través da realización dun vídeo tipo entrevista, no que cada participante debía de responder unhas preguntas sobre a súa vida persoal.

O guión do vídeo foi realizado por todas as persoas usuarias. Fixáronse varias reunión e decidíronse que preguntas lles gustaría facer para poder visualizar esta problemática e romper cos estereotipos e mitos ligados a vellez. Na gravación só hai unhas poucas persoas que decidíronse nunha das reunións.

As gravacións facíanse individualmente nunha das salas do centro, creando un espazo intimo e cómodo para a realización do vídeo, logrando así que os entrevistados soltaranse.

O propio día 15 visualizamos o vídeo todos xuntos. Foi unha experiencia moi enriquecedora tanto para eles mesmos como para as traballadoras poder coñecelos un pouco máis.

7
Se che gustou podes compartirlo en:

Dende Baleira todos os camiños conducen o ARDE LUCUS

Aparte

Dende Baleira todos os camiños lévanos o ARDE LUCUS

O Arde Lucus é unha festa de interese turístico nacional celebrada na cidade de Lugo e que pretende lembrar a orixe romana e castrexa da cidade, enchendo de actividades culturais e didácticas o centro da cidade. Este ano celebrouse os días 9, 10, 11 e 12 de xuño.

O venres 10, as persoas usuarias do Centro de Atención a Persoas Maiores de Baleira (CAPM Baleira) acompañadas do persoal do centro, achegáronse a “Lucus Augusti”, tal e como lle chamaban os romanos a Lugo, para desfrutar deste ambiente festivo. A asociación “CAETRA LUCENSIUM” que debe o seu nome a unha antiga moeda utilizada polos romanos, abriunos as portas do seu campamento para que puideramos coñecer de primeira man os costumes que tiña esta civilización.

Foi unha visita moi enriquecedora na que nos ensinaron a fabricación destas antigas moedas, como elaboraban e servían a comida nas “Cauponas” e incluso a fabricación das súas propias vestimentas.

Para poder desfrutar ao 100% desta festividade, tocounos caracterizarnos como romanos e para iso, durante as semanas previas estivemos confeccionando as nosas propias vestimentas. Podedes ver unha mostra nas fotos. Só pasaron uns días e xa estamos desexando que chegue o próximo “Arde Lucus”.

Moitas grazas a esta asociación por mostrarnos un anaco da cultura romana e facelo con tanto mimo, sen dúbida, voltaremos para o ano. Animámosvos a que no próximo Arde Lucus, lles fagades unha visita ao seu campamento (situado detrás da Igrexa San Froilán) pois paga a pena.

10
Se che gustou podes compartirlo en: